Santiago de Compostela, 04 de setembro de 2020 – Unións Agrarias demanda á Xunta de Galicia solución para o colapso do teléfono 012 de atención e información a cidadanía, que está a impedir que os afectados polos danos dos xabaríns nos cultivos, poidan solicitar as axudas dentro do prazo de 72 horas que marca a normativa da Consellería de Medio Ambiente.
Os cidadáns que estes días teñen necesidade de recorrir ao servizo do teléfono 012 para iniciar trámites administrativos, se están a atopar con que o sistema os pon en espera ata que transcorre o tempo máxino e a chamada se cancela, tendo que volver a repetirse as chamadas de xeito infructuoso.
Esto está a facer que os afectados polos danos da fauna salvaxe que queiran solicitar axudas de indemnización dos danos á Xunta de Galicia non poidan iniciar a tramitación do expediente e se lles cancele o prazo; xa que a propia Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2020 establece que os afectados teñen 72 horas de prazo para dar parte no sistema telefónico de avisos do 012; a través do cal se lles asigna número de expediente, se concerta a visita de inspección de danos polos Axentes Medioambientais, e o inicio do prazo de presentación da solicitude.
Cómpre que a Xunta de Galicia solvente de xeito inmediato as deficiencias do sistema de asistencia integrada á cidadanía do 012, ou ben habilite un sistema alternativo de comunicación de danos que permita iniciar a tramitación das axudas para pago dos danos do xabaril, dentro dos prazos.
A Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícola, está dotada para o ano 2020 con 2.800.000 euros, contía que cubre aproximadamente un 20% dos danos estimados do xabaril na agricultura, que está no entorno dos 15 millóns de euros en cada campaña de cultivos.