UUAA DENUNCIA QUE GADIS APLICA “PREZOS LIXO” AO POLO

Esixe retirar a campaña desta carne por promover a venda a perdas

Santiago, 27 de novembro de 2020.- A organización Unións Agrarias denuncia a promoción da cadea de distribución GADIS que oferta “Pollo Extra Kilo a 1,99 Euros”. Un caso vergoñento de uso da produción avícola como reclamo que causa aínda máis indignación por facer o seu lanzamento en plena crise do Coronavirus.

As máis de 670 explotacións galegas que se dedican á produción de polo en Galicia están facendo un gran esforzo para poder manter a flote as súas granxas. A caída do consumo desta carne provocada polo peche da hostalería está levando aos gandeiros a adiar as camadas e a criar menos animais; obrigando ás granxas a traballar por debaixo da súa capacidade e cándolles perdas económicas equivalentes a dous meses de traballo.

Desde UUAA esíxese da Xunta de Galicia e o Ministerio que impoña o criterio de tolerancia cero contra a venda a perdas que practican algunhas cadeas de distribución na comercialización de produtos frescos. As administracións deben de ir máis alá das grandes declaracións de apoio ao sector e facer o seu traballo de fiscalización destas actitudes comerciais devastadoras para a formación dunha cadea de valor para o polo xusta.

A organización agraria advirte a GADIS que no caso de que non retire dos seus supermercados nun prazo máximo de 48 horas os elementos promocionais coa oferta -prevista para o 30/11 e 1/12-, iniciará unha campaña de sinalamento a través de todos os medios dos que dispoña. UUAA, en calquera caso, xa vai a dar traslado e propoñer que se abra un expediente sancionador ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) á cadea de supermercados, por introducir no mercado galego produtos en clara situación de venta a perdas.

UUAA xa advertira que este tipo de accións especulativas por parte das grandes superficies ían propagarse de maneira exponencial pola falta de cobertura legal que sofre a base produtora. Unha indefensión que ven dada pola falta de elementos reguladores esenciais e un réxime de sancións duro e efectivo que castigue aos especuladores.

Finalmente, a organización fai un chamamento aos consumidores e consumidoras para que fagan unha compra responsable e solidaria coas familias de gandeiros que teñen que malvender a súa produción para que empresas que teñen a gala ser galegas sigan engordando as súas contas bancarias.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias