UUAA PROPÓN CAMBIAR A FONDO O SISTEMA DE PAGO DE DANOS DO LOBO

Na actualidade nin a taxación nin o pago dos sinistros funcionan de xeito eficaz

Santiago 9 de abril de 2021.- Unións Agrarias está a traballar na proposta para a reforma do sistema de pago dos danos do lobo aos gandeiros, de xeito que este se convirta nunha ferramenta realmente eficaz que axude á convivencia das poboacións desta especie coa práctica da gandería extensiva. Con ese obxectivo a organización agraria ten creado un grupo de traballo con gandeiros e técnicos, que trasladará as súas conclusións e demandas á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia nos próximos días.

Unións Agrarias entende que non se pode esquecer que son as granxas as que están a cubrir coas súas reses unha gran parte da dieta do lobo; o que no ano 2020 supuxo unhas baixas denunciadas de 2.400 reses, das que 700 eran vacas. Para a indemnización destes sinistros nas explotacións a Xunta dispuxo dun orzamento de 640.000 euros para o ano 2021. Aínda que as baixas reais nas explotacións son moito maiores, xa que hai polo baixo unha porcentaxe dun 40% estimado de casos que non se chegan a denunciar por considerar os afectados que non lle vai pagar a pena presentar a solicitude, pasar todos os trámites administrativos que esta conleva e agardar máis dun ano polo pago do dano. Habida conta disto, UUAA estima que o número real de baixas estará no entorno das 3500 reses por ano.

O informe impulsado pola organización agraria constata que o actual sistema de axudas non está a funcionar de xeito satisfactorio debido a eses longos prazos de tramitación. Pero tamén a cuasa do elevado número de solicitudes que se rexeitan por excesivo rigor na aplicación dos criterios de inspección (que xa supoñen o rexeitamento de unha de cada catro solicitudes de axuda). Así como a consecuencia da falta de adecuación dos baremos de valoración dos animais mortos ao valor real de mercado dos animais e ao perxuizo causado á explotación.

Por todo elo Unións propón un cambio total na metodoloxía de traballo que pasaría por inverter a carga da proba nas inspeccións; garantir a veracidade da denuncia, tendo que ser a Administración a que en todo caso demostre con probas concretas que a baixa dunha res por morte violenta na explotación non foi causada polo lobo. Dese xeito ao Comité de Valoración de danos tan só chegarían os casos dubidosos, e non a totalidade dos mesmos como sucede na actualidade. O que diminuiría o actual rexeitamento dun elevado número de solicitudes de danos reais que nunca se chegan a pagar ao gandeiro, e axilizaría os prazos dos pagos a un máximo de 3 meses dende a data da denuncia.

Asemade Unións Agrarias propón unha revisión total dos baremos de valoración dos animais, que en moitos casos ata se duplican; para ter en conta non só o pago polo valor de reposición do animal morto polo lobo, senón tamén incluír o lucro cesante polas producións futuras perdidas. Algo especialmente importante no caso da produción de leite.

As propostas de Unións singularizan igualmente ao sector de gandeiría de equino. Unha actividade que en moitas zonas de Galicia está en vías de desaparición debido á falta de rendibilidade que provocan os ataques do lobo; o que ameaza mesmo a supervivencia das razas autóctonas de cabalos do país, a cal depende de que exista continuidade deste tipo de actividade.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias